O secretario provincial do PSdeG pídelle a Rueda que aplique o reparto xusto dos fondos nos Concellos

ACoruñaXa
---“O sistema de financiamento municipal necesita unha revisión urxente, os alcaldes e alcaldesas somos unha especie de mendigos que rogan recursos para os seus veciños”, advirte o secretario xeral provincial do PSdeG
Imaxe de Bernardo Fernández, secretario xeral provincial do PSdeG na Coruña
30 Maio 2024

Bernardo Fernández, secretario xeral provincial do PSdeG na Coruña, pídelle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “que aplique aos concellos galegos o reparto xusto de fondos que lle esixe ao goberno central”.

“Consellos vendo que para mín non teño”, sostén Fernández, en resposta ás manifestacións de Rueda nas que asegura que non aceptará un reparto desigual da financiación autonómica.

“Parécenos ben e compartimos o que di Rueda, pero é unha mágoa que a Xunta non nos aplique aos concellos o que reclama ao goberno. Os sistemas de reparto de fondos da Xunta para os municipios son totalmente inxustos, nunha parte moi importante en concurrencia non competitiva, por orden de chegada ou directamente por convenios nominativos que se reparten cun criterio exclusivamente partidista”, critica Fernández.

“Iso por non falar das competencias impropias que asumimos, tendo que adicar recursos propios para pagar aquilo que tería que pagar a Xunta”, afirma en referencia a servizos como a Axuda no Fogar, a limpeza e mantemento de centros escolares e centros de saúde, ou os comedores escolares.

“En moitos concellos, o SAF supón xa un de cada tres euros dos que dispoñen para gastos correntes. Son cifras moi importantes para asumir un servizo que é competencia da Xunta, non dos concellos”, lembra o secretario xeral provincial socialista.

"A competencia prestadora do SAF é municipal, pero a competencia financiadora é da Xunta e do Estado, que só aportan a día de hoxe o 50% do que custa o servizo", apunta.

“O único reparto con criterios obxectivos do goberno galego é o Fondo de Cooperación Local, que leva anos conxelado e supón unha porcentaxe mínima dos recursos que a Xunta adica aos Concellos”, engade.

En palabras de Bernardo Fernández, “o sistema de financiamento dos concellos neste país necesita unha revisión urxente. Nos últimos tempos, os alcaldes e alcaldesas convertéronse nunha especie de mendigos que teñen que andar polas distintas administracións rogando recursos para os seus municipios, unha situación penosa e terceiromundista”.

“Os recursos que saen dos cidadáns teñen que ser repartidos con criterios obxectivos, sen ter en conta en ningún caso a cor política do goberno local de turno”, remata.

0.18885397911072