O Santa Cruz e o Atlético San Pedro gañan os trofeos de fútbol de Oleiros

O fútbol municipal xa ten novos campións en Oleiros. O Santa Cruz C.F. proclamouse vencedor do LV Trofeo Concello de Oleiros de fútbol masculino tras impoñerse por 3-1 ao Unión Campestre na final disputada no Campo Municipal Nano García de Iñás. Na categoría feminina, o Atlético San Pedro conquistou o V Trofeo Concello de Oleiros ao gañar tamén ao Unión Campestre, neste caso por 4-1.
No encontro masculino, Mateo Nuin, Álvaro Veiga e Luis López foron os encargados de marcar os goles do Santa Cruz, que culminou así a súa participación no histórico torneo con vitoria na gran final.
O Santa Cruz C.F. e o Unión Campestre chegaron ao último partido despois de superar as súas respectivas semifinais. O Santa Cruz venceu por 2-1 ao Marino de Mera, mentres que o Unión Campestre se impuxo por 4-2 ao Atlético San Pedro. Na fase de grupos tamén participaron o Atlético Perillo, Cristo Rey, Hércules, Mercurio e Obrero.
O histórico torneo masculino de fútbol de Oleiros alcanza xa a súa 55ª edición, reunindo un ano máis os equipos do municipio e enchendo de ambiente deportivo os campos durante varias semanas de competición.
Na competición feminina, o Atlético San Pedro superou por 4-1 ao Unión Campestre na final. Ariadna González, Lucía Fuentes, Alba Martínez e Rocío Fernández foron as goleadoras do equipo campión, mentres que Lara Naya, co dorsal número 7, marcou o tanto do Unión Campestre.
O V Trofeo Concello de Oleiros de fútbol feminino consolídase así como unha cita destacada do calendario deportivo municipal e mantén a aposta pola promoción e o desenvolvemento do fútbol feminino no municipio.
O Atlético San Pedro e o Unión Campestre acadaron o pase á final feminina tras rematar nos dous primeiros postos da fase de grupos, disputada ao longo de cinco xornadas. O San Pedro terminou líder con 12 puntos e o Unión Campestre foi segundo con 9. Ademais, participaron o Marino, Santa Cruz e Obrero.
Todos os equipos participantes nos torneos de fútbol de Oleiros, tanto no cadro masculino como no feminino, repártense 16.050 euros, destinados principalmente aos premios económicos.