O San Salvador, en Pastoriza, organiza este sábado a súa tradicional churrascada

O campo da festa de San Salvador, en Pastoriza, acollerá este sábado 22 a tradicional Churrascada San Salvador, unha xornada de convivencia que combina gastronomía, música e actividades para todos os públicos. O día arrincará cunha sesión vermú pensada para ir entrando en ambiente, seguida do esperado xantar popular no que non faltará o churrasco acompañado de pan, bebida e sobremesa.
A tarde estará marcada polo campionato de tute, no que os participantes poderán amosar as súas habilidades coas cartas, e xa entrada a noite continuará a celebración cunha cea compartida. O broche de ouro porao a verbena, con música, baile e festa ata que o corpo aguante, coa actuación de Verónica Cambón.
O prezo para participar é de 20 euros para adultos, 15 para mozos de 10 a 15 anos e gratis para os menores de 10 anos. O importe inclúe comida, bebida, sobremesa e café tanto ao mediodía como na cea, aínda que cada persoa deberá aboar o que consuma durante a verbena.
A organización anima a calquera persoa interesada a asistir e desfrutar dun día que promete boa mesa, boa compañía e moita diversión en San Salvador.