O sabotaxe golpea o novo pantalán do Mandeo antes da súa estrea

ACoruñaXa
A infraestrutura do paseo da Tolerancia, chamada a reforzar o ecoturismo e a mobilidade sostible no río, sufriu novos danos poucos meses despois da súa instalación
BETANZOS graffitis pantalan
22 Apr 2026

O novo pantalán do paseo da Tolerancia, en Betanzos, converteuse no último obxectivo dun acto vandálico que volve poñer no punto de mira unha das infraestruturas chamadas a cambiar a relación da cidade co río Mandeo. A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas condenou o sucedido e o Concello anunciou medidas de vixilancia tras un sabotaxe que se produciu antes mesmo da estrea da instalación.

A actuación forma parte da aposta por unha base de actividades ecoturísticas no paseo da Tolerancia, concibida como centro para impulsar o uso público do río, a divulgación ambiental e as actividades náuticas sostibles. O proxecto empezou a coller forma en 2025, dentro do plan de sustentabilidade turística ligado á Reserva, e incluíu un pantalán público e accesible con recarga eléctrica e subministración de auga doce.

A tramitación administrativa quedou encamiñada no pleno celebrado en xuño do pasado ano e a colocación do pantalán no Mandeo produciuse o 16 de xaneiro de 2026. A infraestrutura foi deseñada para adaptarse ás mareas e para facilitar tanto o amarre como o acceso ao río nun punto moi ligado ao futuro desenvolvemento do ecoturismo fluvial en Betanzos.

Os danos coñecidos agora non son, ademais, os primeiros. A comezos de abril, a nova base náutica situada xunto ao pantalán, aínda sen inaugurar e con remates pendentes, xa aparecera con pintadas nos seus módulos de madeira. Nesta ocasión, o ataque foi máis alá e, segundo transcendeu, afectou ás tomas eléctricas, aos puntos de carga destinados a embarcacións eléctricas e á toma de auga, é dicir, a parte dos servizos que debían converter este pantalán nunha infraestrutura moderna e singular no río.

O episodio supón un golpe para un proxecto pensado para abrir unha nova etapa no Mandeo, conectando o paseo da Tolerancia coa estratexia de turismo sostible da Reserva. Máis alá do custo material, o sabotaxe deixa tocada unha actuación concibida como investimento público para o uso colectivo e empaña a posta en marcha dun espazo chamado a ser referencia para a actividade náutica e ambiental na contorna urbana de Betanzos.

0.11600589752197