O sábado volven a funcionar as liñas de autobús entre A Coruña e Sada a primeira e última hora nas fins de semana e festivos

ACoruñaXa
Os servizos saen de Sada desde as 07,30 horas os sábados e desde as 08,30 os domingos e festivos, e amplían o horario de volta da Coruña ata as 22,00 horas
Imaxe dos autobuses da Xunta
26 Xuño 2024

A Xunta reactiva desde o sábado 29 de xuño as frecuencias de autobús entre a Coruña e Sada á primeira e á última hora do día nas fins de semana e festivos.

O traballo de seguimento levado a cabo pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes tras a reestruturación dos servizos de transporte público no corredor A Coruña-Oleiros-Sada que se puxo en marcha o 22 de xuño, con máis de 130 servizos adicionais á semana, supuxo un desaxuste puntual que se resolve xa a partir do día 29 co restablecemento das frecuencias de autobús máis cedo pola mañá e máis tarde no serán.

Deste xeito, estes servizos conectan Sada coa Coruña pasando por Lorbé, Dexo e Mera, en Oleiros, tanto á ida como á volta.

Os sábados sae de Sada un servizo ás 07,30 horas e dúas expedicións de volta desde Entrexardíns, ás 08,30 horas e ás 22,00 horas.

Os domingos e festivos funcionan catro servizos que amplían o horario dos autobuses cara á Coruña, con saídas de Sada ás 08,30 horas e ás 21,00 horas, mentres de Entrexardíns saen ás 09,30 horas e ás 22,00 horas.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na seguinte páxina web.

 

0.1861629486084