O sábado 18 de maio terá lugar na Coruña o Día Internacional dos Museos

ACoruñaXa
A xornada do sábado 18 rematará cun concerto das Pandereteiras Sen Fronteiras no Castelo de San Antón, aberto á cidadanía ata completarse o máximo de capacidade previsto
O sábado 18 de maio celebrarase o Día Internacional dos Museos, con multitude de actividades na Coruña
8 May 2024

O sábado 18 de maio terá lugar o Día Internacional dos Museos, xornada na que o Concello da Coruña ten previsto un amplo abano de actividades para todos os públicos no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, as casas museo, o Quiosco Alfonso e as salas municipais de exposicións.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor “o impacto que ten a celebración desta data en termos de visibilidade e dinamización para a rede de Museos Históricos da Coruña, achegando o legado patrimonial e artístico da cidade cunha perspectiva interxeracional”.

Neste sentido, a programación inclúe, precisamente, obradoiros de arqueoloxía romana e medieval para nenos/as (6-12 anos) e persoas adultas no Castelo de San Antón. Haberá tres talleres (11.45, 17.00 e 19.00 horas), para un máximo de 20 asistentes por quenda, polo que será preciso formalizar a inscrición previa a partir deste mércores 8, no teléfono 981 189 850.

Ademais, haberá dúas visitas guiadas polo Museo Arqueolóxico (12.00 e 20.00 horas), para un máximo de 25 persoas por quenda, con reserva previa.

O Castelo de San Antón pechará as súas portas o sábado 18 cun evento moi especial: o concerto de Pandereteiras Sen Fronteiras, aberto á cidadanía por orde de chegada, ata o máximo de capacidade previsto no recinto interior do castelo. A actuación comezará ás 22.00 horas.

Haberá visitas guiadas nas tres casas museo: María Pita, Picasso e Casares Quiroga

En paralelo ás actividades que se levarán a cabo no Museo Arqueolóxico, ao longo do sábado 18 de maio tamén se realizarán diversas iniciativas culturais nas casas museo de María Pita, Picasso e Casares Quiroga.

Na primeira delas estará aberta a mostra fotográfica ‘Vívidos’, de María G. Morado, e tamén haberá unha visita guiada teatralizada (12.00 a 13.00 horas) ideada para persoas de 7 anos ou máis, e cun máximo de 20 prazas. Será preciso formalizar a reserva previamente, a partir de mañá.

Por outra banda, na Casa Museo Picasso, situada na rúa Paio Gómez, segue aberta á cidadanía a exposición de ilustración ‘De Braga á Coruña nun trazo’, impulsada por artistas da cidade lusa e tamén coruñeses. Estará habilitada en horario de mañá e tarde. E ademais, haberá catro visitas guiadas (11.30, 12.30, 17.30 e 18.30 horas), cun máximo de 15 persoas por quenda. Neste caso, a adxudicación de prazas levarase a cabo por estrita orde de chegada.

Na Casa Museo Picasso tamén haberá dous obradoiros creativos (11.30 e 17.30 h), ideados para persoas de 7 e 16 anos en diante, respectivamente, cun máximo de 20 prazas para cada sesión. Será preciso formalizar a reserva previa, a partir de mañá.

A programación do Día Internacional dos Museos tamén chegará á Casa Museo Casares Quiroga, na rúa Panadeiras. A mostra ‘Intelixencia artificial e diversidade sexual’, impulsada ao abeiro do festival Corufest, estará aberta a visitas en horario de mañá e tarde. Tamén terá lugar unha competición de scrabble (11.00 horas), con acceso libre, e unha visita guiada teatralizada (18.00 horas).

As persoas interesadas en asistir ás visitas teatralizadas nas casas museos María Pita e Casares Quiroga, ou aos obradoiros creativos na Casa Museo Picasso, poderán solicitar a praza a partir deste mércores 8, no teléfono 981 189 856.

Unha oportunidade para desfrutar coas mostras de Peteiro, Fuxan os Ventos e Luísa Villalta

A xornada de actividades do sábado 18 de maio estenderase a recintos emblemáticos como o Quiosco Alfonso, onde estará aberta a mostra ‘Peteiro’, que recolle 94 pezas de Jorge Peteiro, pintor e escultor galego de referencia, pezas fundamentais para entender o seu pensamento e sentimento artístico. Ademais, haberá dúas visitas guiadas á mostra (12.00 e 18.00 horas), para un máximo de 20 persoas, con reserva previa a partir de mañá, no teléfono 981 189 898.

Tamén hai programación prevista na Sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga, que acolle a exposición conmemorativa polo 50 aniversario do grupo musical Fuxan os Ventos. Ao igual que no Quiosco Alfonso, haberá dúas visitas guiadas á mostra (11.00 e 17.00 h), que leva por título ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’. Será preciso facer a reserva previa a partir deste mércores 8, no teléfono 981 189 898.

E, por outra banda, a Sala municipal de exposicións do Palacio Municipal de María Pita abrirá as súas portas á mostra sobre a escritora coruñesa Luísa Villalta, figura homenaxeada nesta edición do Día das Letras Galegas. A exposición, organizada polo Concello e a Xunta, será itinerante: iniciará o seu percorrido na Coruña para, posteriormente, chegar a todas as cidades galegas. O sábado 18 de maio estará aberta ás visitas en horario de mañá e tarde.

A información completa da programación polo Día Internacional dos Museos pode consultarse na seguinte ligazón.

0.14862394332886