O río Valiñas volverá a exame cunha nova saída ambiental en Ledoño

ACoruñaXa
Pedras Galladas convoca este sábado 25 de abril, ás 10.30 horas, unha inspección aberta á veciñanza dentro do Proxecto Ríos, coa que revisará o estado do cauce ao seu paso por Culleredo
CULLEREDO rio valiñas
24 Apr 2026

Pedras Galladas volverá poñer o foco no río Valiñas cunha nova xornada de seguimento ambiental que terá como punto de encontro o Centro Social Ledoñés. A actividade, aberta á participación cidadá, permitirá analizar sobre o terreo a saúde do río e reforzar a implicación social na conservación dun espazo natural moi próximo á veciñanza.

A convocatoria enmárcase no Proxecto Ríos, a iniciativa de educación, concienciación e participación promovida por ADEGA para fomentar o coñecemento e a defensa dos ecosistemas fluviais galegos. O programa baséase en inspeccións periódicas realizadas por persoas e grupos voluntarios, que recollen información sobre o estado biolóxico, físico e ambiental dos cursos de auga.

No caso de Pedras Galladas, o colectivo mantén a custodia e vixilancia dun tramo do Valiñas en Ledoño e participa nesta rede de ciencia cidadá con revisións regulares do río. A entidade lembra que a cita deste sábado está pensada tamén como unha oportunidade para aprender a identificar a vida do ecosistema fluvial e valorar o patrimonio natural da contorna.

A organización facilitará o material necesario para desenvolver a inspección, polo que non é preciso contar con experiencia previa. Iso si, recoméndase asistir con roupa cómoda e calzado de todoterreo para unha actividade cunha duración estimada de dúas horas e deseñada para achegar o río á cidadanía desde unha perspectiva práctica e divulgativa.

0.12501382827759