O Rincón de Cecilia estrea unha nova imaxe tras a súa renovación integral no parque José Martí

O Concello de Oleiros vén de completar a renovación integral do Rincón de Cecilia, un dos espazos máis coñecidos do parque José Martí e especialmente pensado para o lecer infantil. A actuación forma parte dun plan de mellora deste parque público que supón un investimento global superior aos 350.000 euros.
A intervención permitiu modernizar por completo esta área de xogos, creada en homenaxe á pediatra Cecilia, que exerceu durante moitos anos no municipio e deixou unha fonda pegada entre as familias de Oleiros.
O renovado espazo incorpora novas estruturas de xogo integradas en grandes elementos de formigón, con pezas de gran formato deseñadas para favorecer o xogo e o entretemento das nenas e nenos, adaptándose ás necesidades actuais de uso e seguridade.
Esta actuación enmárcase no proceso de renovación do parque José Martí impulsado polo Concello. Ademais da remodelación do Rincón de Cecilia, está prevista a próxima renovación dos viarios interiores do parque, unha intervención coa que se pretende mellorar tanto a accesibilidade como a seguridade das persoas usuarias deste espazo verde.