O PXOM xa se pode consultar en liña no Geoportal municipal de Miño

ACoruñaXa
Miño incorpora ao visor dixital mapas, planos, normativa e documentación técnica para facilitar as consultas urbanísticas desde calquera dispositivo
MIÑO visor web
9 Feb 2026

O Concello de Miño deu un novo paso na súa estratexia de achegar a administración á veciñanza coa incorporación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ao seu Geoportal de datos. A partir de agora, calquera persoa pode consultar de xeito sinxelo e gratuíto a situación urbanística das parcelas catastrais a través da web municipal.

O novo visor reúne información detallada con cartografía, planos, normativa urbanística e documentación técnica, co obxectivo de axilizar a procura de datos de interese sen necesidade de desprazamentos. Ademais, inclúe unha guía de uso para seguir as instrucións paso a paso, o que pretende facer a ferramenta máis accesible e intuitiva.

O Geoportal foi posto en marcha hai dez meses cun inventario de camiños municipais e cos datos das franxas de protección fronte aos incendios forestais. Coa incorporación do PXOM, o Concello considera que a plataforma se consolida como un recurso clave para a consulta de información territorial e urbanística.

O acceso ao Geoportal está dispoñible para todas as persoas interesadas desde a páxina web municipal.

⚙ Configurar cookies
0.079048871994019