O Punto Limpo Móbil achegará a reciclaxe de pequenos residuos a varias zonas de Cambre en maio

O Punto Limpo Móbil do Consorcio As Mariñas realizará varias paradas en Cambre durante o mes de maio co obxectivo de facilitar á veciñanza a xestión axeitada daqueles residuos domésticos que non deben depositarse nos colectores convencionais.
O servizo instalarase o martes 5 e o mércores 6 de maio na rúa Wenceslao Fernández Flórez, mentres que o xoves 7 estará na Casa das Palmeiras, no Temple. A última parada prevista no municipio será o xoves 28 de maio na urbanización A Barcala.
O horario de atención será de 9.30 a 13.30 horas. Neste punto poderanse entregar pequenos electrodomésticos, pilas, cargadores, lámpadas e outros materiais de uso doméstico que requiren unha recollida específica para garantir o seu correcto tratamento.
A iniciativa busca achegar este recurso aos diferentes núcleos do municipio e fomentar hábitos responsables na separación de residuos, contribuíndo así á protección do medio ambiente.