O PSOE reclama recuperar a programación cultural e deportiva nas festas do Apóstolo en Arteixo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno un rogo no que denuncia o que cualifica como un "progresivo empobrecemento" das festas patronais de Santiago Apóstolo e reclama ao goberno local unha recuperación da programación cultural e deportiva de cara ás próximas edicións.
Segundo os socialistas, os festexos perderon capacidade para dinamizar a vida social e económica do municipio, ao reducir a súa oferta practicamente ás actuacións musicais. O portavoz do grupo, Martín Seco, sostén que o executivo municipal converteu unhas festas que, ao seu xuízo, deberían atraer visitantes e impulsar o comercio e a hostalaría locais nun programa "baleiro de contido".
Entre as críticas formuladas polo PSOE figura a ausencia de actividades culturais como feiras, mostras, obradoiros ou espectáculos de referencia, así como a eliminación da programación deportiva durante as festas deste ano. Para a formación, esta decisión supón un prexuízo para os clubs deportivos do municipio e resta atractivo aos festexos.
Martín Seco afirma que "o goberno municipal actúa simplemente como unha 'axencia de contratación de orquestras'" e considera que un concello co peso demográfico e económico de Arteixo debería ofrecer unha programación máis ampla e variada.
A través do rogo presentado no pleno, o PSOE solicita que as áreas municipais de Cultura e Deportes traballen de forma coordinada para preparar as festas patronais de 2027, co obxectivo de recuperar actividades culturais, deportivas e de lecer que, segundo a formación, estean á altura da importancia do municipio.