O PSOE reclama comedores escolares máis equitativos nos centros de Ordes

ACoruñaXa
O grupo socialista levará ao pleno unha moción para pedir un novo servizo no CEIP Campomaior e máis persoal de cociña no CEIP Mesón do Vento
ORDES ceip meson do vento
CEIP Mesón do Vento
28 Apr 2026

O Grupo Municipal Socialista de Ordes defenderá no pleno ordinario de abril unha moción para mellorar os servizos de comedor escolar nos centros educativos do municipio. A iniciativa busca garantir a igualdade entre o alumnado, apoiar ás familias e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

Os socialistas consideran que o comedor escolar é un recurso esencial dentro da comunidade educativa, tanto polo seu papel asistencial como pola súa dimensión social. Ademais de asegurar unha alimentación equilibrada, este servizo contribúe á adquisición de hábitos saudables e supón unha ferramenta fundamental para moitas familias que precisan compatibilizar os seus horarios laborais co coidado dos menores.

A moción pon o foco en dúas situacións que, segundo o PSOE, requiren unha resposta urxente. No CEIP Mesón do Vento, o servizo funciona cun cociñeiro e unha axudante, unha dotación que o grupo considera insuficiente para atender correctamente as necesidades do comedor. Esta falta de persoal estaría a xerar unha sobrecarga de traballo e dificultades na organización diaria.

A outra demanda céntrase no CEIP Campomaior, que carece de comedor escolar. Para os socialistas, esta situación coloca ás familias deste centro nunha posición de desigualdade fronte ás doutros colexios do municipio que si dispoñen deste servizo.

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista solicitará que o pleno inste á Xunta de Galicia a construír un comedor escolar no CEIP Campomaior, dotado dos medios necesarios para ofrecer unha atención adecuada. Tamén pedirá reforzar o persoal de cociña no CEIP Mesón do Vento coa incorporación dunha persoa auxiliar adicional.

Desde o PSOE de Ordes defenden que a proposta responde a necesidades reais das familias e que permitiría avanzar cara a un sistema educativo máis xusto, equilibrado e adaptado á realidade do municipio.

0.12825608253479