O PSOE pide melloras urxentes na seguridade viaria de Borroa e Naia en Arteixo

ACoruñaXa
Os socialistas de Arteixo esixen actuacións inmediatas para garantir a seguridade viaria
Seguridade viaria Borroa e Naia
23 Ago 2024

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará no pleno de agosto unha moción urxente para esixir ao goberno local que tome medidas para garantir a seguridade viaria nos núcleos de Borroa e Naia, situados na parroquia da Pastoriza. Segundo os socialistas, a rede viaria nestes núcleos presenta numerosas deficiencias que poñen en perigo a seguridade dos viandantes e conductores.

Martín Seco, voceiro do grupo socialista, sinalou que, tras 13 anos de goberno do PP en Arteixo, Borroa e Naia seguen esquecidos, mentres que en Nostián, núcleo veciño pertencente ao concello de A Coruña, as infraestruturas melloraron significativamente, incluíndo a construción de beirarrúas e un servizo de transporte municipal que conecta coa cidade.

Seco subliñou que a avenida de Nostián conta con beirarrúas nos tramos pertencentes a A Coruña, pero require unha intervención similar no territorio de Arteixo e no núcleo de Naia para garantir un traxecto seguro para os viandantes. Ademais, a avenida de Borroa necesita un novo asfaltado e unha ampliación do firme para permitir a circulación segura de dous vehículos, especialmente nos cruces con rúas como Montillos e Sobrado, onde as condicións actuais representan un perigo para os nenos, maiores e ciclistas que frecuentan a zona.

A situación é particularmente preocupante na contorna do Campo da Chave, onde o estreitamento da pista municipal fai imposible a circulación de vehículos de emerxencia e mesmo do camión de recollida de lixo, que se ve obrigado a dar a volta.

Entre as medidas propostas polos socialistas inclúese a construción de beirarrúas na Avenida de Nostián, o acondicionamento da pista que une Naia e Nostián, o ancheamento e asfaltado da Avenida de Borroa, a eliminación dun tapón viario no entorno do Campo da Chave mediante a expropiación ou cesión de dúas vivendas en ruínas, e a adecuación do camiño que vai desde o Campo da Chave ata a rúa Sobrado como alternativa peonil.

Os socialistas instan ao goberno local a actuar con urxencia para resolver estas deficiencias e garantir a seguridade da veciñanza de Borroa e Naia.

0.09609317779541