O PSOE insiste en reclamar a recuperación do Torneo de Chave das festas de Arteixo tras a súa cancelación

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu reclamar a recuperación do Torneo de Chave Santiago Apóstolo despois de que este ano desaparecese da programación das festas patronais. A formación considera insuficientes as explicacións ofrecidas polo Goberno local no último pleno municipal, onde, segundo o PSOE, se atribuíu a suspensión á falta de contacto por parte dos clubs participantes.
A cancelación da competición xa fora cuestionada polos socialistas durante as festas, ao tratarse dun campionato que levaba máis de trinta edicións celebrándose de forma habitual e que formaba parte da programación organizada polo Concello. Segundo o PSOE, a supresión realizouse sen informar previamente aos equipos nin á veciñanza.
Ante esta situación, os clubs de Suevos e Pastoriza decidiron organizar pola súa conta un encontro para manter viva esta modalidade deportiva tradicional, unha iniciativa que os socialistas consideran unha mostra do compromiso das entidades coa conservación desta cita histórica.
Tras o debate plenario, o portavoz socialista, Martín Seco, criticou que o Goberno local descargase a responsabilidade nos clubs, ao asegurar que non contactaran co Concello para organizar o torneo. Ao seu xuízo, corresponde á Concellería de Deportes impulsar e coordinar este tipo de actividades, especialmente cando forman parte da programación festiva desde hai máis de tres décadas.
O PSOE sostén ademais que a desaparición do campionato se enmarca na eliminación doutras actividades deportivas das festas deste ano e reclama que o Concello garanta o regreso do Torneo de Chave na edición de 2027, recuperando o apoio institucional a unha das competicións máis tradicionais do municipio.