O PSOE denuncia catro anos de parálise de obras no Concello de Abegondo

ACoruñaXa
O voceiro Jairo Bello alerta de que o 30 de novembro perderanse os proxectos do 2020 ao esgotarse as prórrogas legais
Jairo Beiro Psoe Abegondo
28 Nov 2024

O PSOE de Abegondo denuncia que o Concello leva sen executar 25 obras incluídas no Plan Único da Deputación da Coruña dende o ano 2020, o que representa máis de 1,5 millóns de euros destinados a melloras no municipio que non se realizaron. O portavoz socialista, Jairo Bello, critica a “deixadez e a ausencia de xestión municipal” do alcalde José Antonio Santiso Miramontes, do Partido Popular, quen só levou a cabo unha das 26 obras programadas nos últimos catro anos: a mellora da rede de saneamento en Ardexurxo, cun custo de 118.772 euros.

“A situación reflicte catro anos de parálise nos que os grandes prexudicados son os veciños e veciñas de Abegondo. O 30 de novembro perderanse os proxectos de 2020 non executados ao esgotarse o prazo legal das prórrogas. Estes fondos estaban consignados para mellorar servizos básicos do noso concello, pero foron desaproveitados”, lamenta Bello.

Entre as obras pendentes inclúense proxectos fundamentais como a reparación de camiños en parroquias como Limiñón, Cos, Crendes, Presedo, Viós ou Vilacoba; a instalación de redes de saneamento en Bordelle, Sarandós e Abegondo; e a humanización de rúas en San Marcos. Tamén están sen executar melloras no abastecemento e saneamento no Asadiño e reparacións de camiños nas parroquias de Mabegondo, Orto e Montouto, entre outras.

Os socialistas achegan un listado detallado das obras pendentes que abarcan tanto o POS 2020 como os anos seguintes (2021-2024), denunciando que a falta de acción política está a privar á veciñanza de Abegondo de servizos e infraestruturas básicas. Entre os proxectos máis destacados, subliñan a humanización da zona de San Marcos e as redes de saneamento e abastecemento en puntos críticos do concello.

“Non podemos tolerar que os veciños perdan proxectos xa financiados por falta de xestión. Esiximos ao goberno municipal que tome medidas urxentes para evitar que estas perdas se repitan en 2021 e nos anos posteriores”, conclúe Bello.

Os fondos destinados por parte da Deputación da Coruña suman máis de 1,6 millóns de euros en catro anos. Segundo o PSOE, esta oportunidade perdida evidencia a incapacidade do goberno municipal para xestionar recursos públicos en beneficio da comunidade.

0.166916847229