O PSOE de Sada reclama maior transparencia na xestión dos proxectos municipais
O PSdeG-PSOE de Sada amosou hoxe o seu apoio á ampliación do CEIP Sada e Contornos no pleno extraordinario, votando a favor do expediente de modificación de crédito que permitirá a expropiación dos terreos lindeiros.
Este expediente foi aprobado nun pleno extraordinario solicitado pola oposición logo de ser rexeitado no pleno ordinario do pasado xoves, segundo denuncian os socialistas, debido a que o Concello entregou a documentación con menos de 24 horas de antelación.
"Apoiamos a ampliación do CEIP Sada e Contornos, pero antes de votar hai que saber que se vota", declarou Manuel Ángel Gende Penas, secretario xeral da Agrupación Socialista local. “Reclamamos que o Concello entregue a documentación dos proxectos coa suficiente antelación para poder valoralos axeitadamente”.
O dirixente socialista criticou o costume do goberno local de enviar informes de ata 500 páxinas con prazos insuficientes. "Esta vez agardaron ata o último día antes do pleno ordinario para subir a documentación, malia ter 30 días para facelo", reprochou Gende Penas.
Dende o PSOE de Sada lamentan que esta mala xestión derive en proxectos inacabados, incumprimento dos prazos e conflitos. Como exemplos, sinalaron os atrasos na pista de patinaxe, o módulo de atletismo de Mondego e as deficiencias na avenida Sada e Contornos.
"O propósito do PSdeG-PSOE non é entorpecer, senón colaborar con proxectos que beneficien a Sada e á súa veciñanza. Pero isto require traballar con rigor e organización", concluíu Gende Penas.