O PSOE de Ordes critica os orzamentos de 2026 e lamenta o rexeitamento das súas propostas

ACoruñaXa
Os socialistas propoñían unha emenda de 262.500 euros para mellorar o abastecemento, a accesibilidade, a seguridade viaria, as parroquias, as instalacións deportivas e os centros educativos
ORDES polideportivo
4 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Ordes criticou a aprobación dos Orzamentos Municipais de 2026 por parte do Goberno local do Partido Popular e lamentou o rexeitamento da emenda presentada pola formación durante o pleno no que se debateron as contas.

A voceira socialista, Noelia Rivadas, cuestionou que o documento orzamentario saíse adiante no mes de xuño, cando xa transcorrera boa parte do exercicio. Durante a súa intervención, defendeu que unhas contas aprobadas nestas datas dificilmente poden servir como unha verdadeira ferramenta de planificación e programación da acción de goberno.

O PSOE tamén puxo o foco na situación económica do municipio, sinalando que Ordes prevé ingresar 204.000 euros polo Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), fronte aos 986.064,74 euros que, segundo indicou, recada Cerceda, un concello con menos da metade da poboación. Para os socialistas, esta diferenza pon de manifesto a necesidade de impulsar políticas que favorezan a chegada de actividade económica, industria e emprego.

Durante o debate orzamentario, o Grupo Municipal Socialista defendeu unha emenda por importe de 262.500 euros coa que propoñía reforzar o investimento en abastecemento de auga, impulsar un Plan Municipal de Accesibilidade, mellorar a seguridade viaria, actuar en pistas e espazos das parroquias, modernizar as instalacións deportivas e investir nos CEIP Mesón do Vento e Castelao.

Segundo o PSOE, o Goberno municipal rexeitou todas estas propostas e optou por manter o proxecto inicial dos orzamentos. A formación considera que as súas iniciativas eran viables desde o punto de vista económico e estaban orientadas a dar resposta ás necesidades da cidadanía.

0.12463808059692