O PSOE de Oleiros rexeita a eliminación do bus que conecta Lorbé co Burgo
O PSOE de Oleiros manifestou o seu rexeitamento á decisión do Goberno Municipal de suprimir, a partir do 1 de xaneiro de 2025, a liña de autobús que conecta Lorbé co Burgo. Consideran que esta medida vai en contra do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), aprobado en 2022 e cun custo de preto de 60.000 euros.
“Eliminar esta liña supón un retroceso na mobilidade sustentable, favorecendo o uso de vehículos particulares en estradas xa saturadas e desvertebrando a comarca”, afirman os socialistas. Tamén lembran que calquera modificación debería estar avalada por un estudo de impacto que contemple alternativas, sempre en liña co PMUS.
O PSOE destacou que no seu programa electoral propoñían a ampliación das liñas municipais para cubrir máis áreas, como Serantes, Dexo, Maianca, Iñás e San Pedro. Así mesmo, defendían a creación dunha entidade metropolitana para mellorar as conexións entre Oleiros e a Coruña, especialmente coas universidades, hospitais e áreas comerciais.
Por último, critican outras medidas recentes do Goberno Municipal, como a dirección única en Chan das Viñas e a restrición na Rúa Lameiro, que consideran improvisadas e contrarias ao PMUS.