O PSOE de Oleiros denuncia o abandono dos espazos públicos e reclama transparencia nas indemnizacións por danos

ACoruñaXa
Critican a deixadez municipal en mantemento de rúas e instalacións, que xera riscos e danos para os veciños mentres aumentan os impostos
Imaxes do espazo en Oleiros
15 Jan 2025

O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE) en Oleiros vén de solicitar ao Concello o acceso aos expedientes de reclamación patrimonial presentados nos últimos cinco anos debido ás deficiencias no coidado dos espazos públicos. Os socialistas denuncian que estas carencias non só deterioran a imaxe do municipio, senón que tamén supoñen un risco evidente para os veciños e os seus bens.

“Estamos a falar de beirarrúas en mal estado, baches, polas e árbores a piques de caer, valados corroídos... Todo isto evidencia unha falta de mantemento que xera perigos constantes para os veciños”, sinalan dende o PSOE local. Critican, ademais, que mentres estas situacións se agravan, o Concello aumente os impostos sen mellorar os servizos.

Un dos casos máis recentes aconteceu a carón da Praza Esther Pita, onde se desprendeu unha valla completamente corroída. “Non só supón un risco evidente, sobre todo para nenos, senón que días despois do incidente aínda non está sinalizado. Este tipo de situacións non son aceptables nun lugar tan transitado”, afirman os socialistas, que acompañaron a súa denuncia con fotografías que evidencian o deterioro.

Durante as festas de verán en Santa Cruz tamén se produciu un incidente similar, cando un valado de madeira nun parque infantil cedeu. “O Concello achacou o suceso ao vandalismo, pero as imaxes amosan que foi consecuencia da podremia derivada da falta de mantemento”, critican dende o PSOE.

Os socialistas tamén alertan de ramas rotas pendurando de árbores na contorna da Praza Esther Pita, que representan outro risco para os veciños. “Os danos a vehículos por baches ou árbores caídas son unha constante no noso municipio. Esta situación ten que cambiar”, insisten.

Dende o PSOE esixen ao Concello un listado detallado das reclamacións patrimoniais recibidas nos últimos anos e das cantidades económicas que supuxeron para as arcas municipais. “Os veciños teñen dereito a saber canto nos custa a mala xestión do público en Oleiros”, sentenciaron.

0.16853308677673