O PSOE de Oleiros cuestiona o proceso para elexir ó director do Multiusos de Bastiagueiro

A convocatoria para elixir a persoa que dirixirá o futuro Centro Multiusos de Bastiagueiro abriu unha nova fronte política en Oleiros. O grupo socialista acusa o goberno local de Alternativa dos Veciños de deseñar un procedemento que, ao seu xuízo, deixa unha marxe excesiva á valoración subxectiva e permite condicionar o resultado final do proceso.
As bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia recollen unha praza de técnico/a superior, director/a do Centro Multiusos de Bastiagueiro, como funcionario/a interino/a para desenvolver un programa de posta en marcha do equipamento durante tres anos. A convocatoria corresponde ao subgrupo A1 e fixa un sistema de concurso-oposición por quenda libre.
O punto que máis críticas xera no PSOE é o peso da fase vinculada á memoria. A oposición suma un máximo de 60 puntos: 35 pola memoria metodolóxica e 25 pola súa exposición presencial e unha entrevista persoal. A fase de concurso achega outros 40 puntos, dos cales 30 corresponden á experiencia profesional e 10 á formación específica.
Os socialistas consideran que outorgar unha cuarta parte da puntuación total á defensa oral e á entrevista abre a porta a unha selección 'arbitraria'. Segundo a formación, o proceso non garante que se escolla á persoa mellor preparada e pode servir para incorporar perfís próximos ao goberno local.
O grupo tamén critica que se pida ás persoas aspirantes unha memoria sobre a posta en funcionamento e a programación inicial do edificio. As bases sinalan que ese documento debe abordar a análise do equipamento, os posibles públicos, a integración na oferta cultural e deportiva municipal, o plan de usos, a programación do primeiro ano e a organización de eventos. Para o PSOE, esa 'folla de ruta' debería estar definida polo Concello antes de afrontar unha obra desta dimensión.
A formación enmarca esta convocatoria nas súas críticas recorrentes á xestión do Multiusos. Lembra que xa pediu no pleno de marzo máis detalle sobre os gastos anuais de explotación, que cifra arredor de 600.000 euros, e que no pleno de maio preguntou pola posible reclamación aos responsables do proxecto tras a aparición de auga no terreo. A documentación técnica municipal recolle que en xuño de 2024 se asinou un modificado do proxecto con cambios de cimentación e estrutura motivados pola localización de canles subterráneas baixo o edificio non detectadas nos estudos xeotécnicos previos.
O Concello mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes desde o 20 de maio ata o 2 de xuño. Na súa web figuran as bases, a instancia de participación, a relación de méritos e a documentación técnica do edificio.
O Multiusos de Bastiagueiro está concibido como un equipamento para actividades culturais, deportivas, congresos, feiras, festivais e exposicións. O proxecto municipal presentado en 2023 prevía un aforo máximo de 4.000 persoas, con gradas e butacas móbiles para adaptar o espazo ás necesidades de cada evento.