O PSOE de Oleiros acusa a García Seoane de facer 'propaganda' co bus á Universidade

O PSOE de Oleiros criticou con dureza a acción impulsada polo goberno local para reclamar unha liña directa de autobús coa Universidade da Coruña. A formación socialista cuestiona a colocación dun vehículo vello na parada de Santa Cristina e acusa ao alcalde, Ángel García Seoane, de empregar o espazo público para facer 'propaganda' e alimentar a confrontación política.
Os socialistas consideran que a iniciativa non contribúe a resolver os problemas de mobilidade do municipio e cualifican a actuación como un novo 'show' do rexedor. Segundo sinalan, este tipo de accións buscan xerar conflito en lugar de avanzar en solucións reais para mellorar o transporte público en Oleiros e na comarca.
Desde o PSOE lembran que no último pleno o goberno local non apoiou unha proposta socialista para reclamar á Xunta unha liña de autobús destinada ao alumnado de Formación Profesional da comarca que se despraza a centros públicos. Tamén apuntan que Alternativa dos Veciños non incluía no seu programa electoral de 2023 ningunha referencia ao transporte universitario, mentres que os socialistas si recollían esta medida.
A agrupación socialista tamén reprocha ao alcalde a súa actitude en anteriores negociacións sobre transporte, asegurando que levantarse de mesas de traballo non axuda a desbloquear os problemas existentes. Ao seu xuízo, Oleiros precisa diálogo institucional e propostas útiles, non accións baseadas na confrontación.
O PSOE engade que o goberno local tampouco aceptou outras iniciativas vinculadas á comunidade educativa, como a apertura da biblioteca Rialeda os sábados pola tarde e os domingos durante as épocas de exames.
A crítica socialista chega despois de que o Concello de Oleiros instalase un autobús deteriorado en Santa Cristina para denunciar a negativa da Xunta a crear una conexión directa entre Perillo e os campus universitarios da Coruña.