O PSOE de Oleiros acusa a Alternativa dos Veciños de impulsar unha "masificación especulativa"

ACoruñaXa
Os socialistas denuncian que o Goberno local está promovendo urbanizacións masivas sen reforzar os servizos básicos
perillo-oleiros
15 Apr 2025

O PSOE de Oleiros carga con dureza contra a Alternativa dos Veciños e o seu alcalde, aos que acusan de "desviar a atención da cidadanía" falando de proxectos urbanísticos en concellos limítrofes como Cambre ou A Coruña, mentres promoven “unha masificación sen precedentes” dentro do propio municipio.

Segundo denuncian os socialistas, mentres se lanzan críticas sobre o proxecto das casas Bailly ou o futuro dos terreos portuarios coruñeses, Oleiros avanza cara a unha urbanización intensiva que “xa está a ter consecuencias graves na mobilidade e nos servizos públicos”. “O incremento do tráfico é evidente e a saturación das vías municipais empeora día a día”, afirman.

O PSOE volve poñer enriba da mesa a súa proposta de crear aparcadoiros disuasorios ben conectados co resto da comarca, como solución realista aos problemas de mobilidade. “Pero en lugar de apostar por isto, o solo público segue destinándose ao ladrillo especulativo”, lamentan.

Entre os proxectos que critican os socialistas, destaca o plan de construción de 390 vivendas na zona de Viñas de Babilonia, preto da saída de Santa Cruz, actualmente ocupada por prados e monte. A isto súmanse 25 novas vivendas no centro de Santa Cruz, que, segundo denuncian, eliminarán espazo tradicionalmente reservado ás festas locais, e máis de 200 vivendas en Mera, sen que se contemplen melloras nos servizos de abastecemento, saneamento ou transporte.

A formación vai máis alá e critica con especial contundencia o apoio público do alcalde durante o entroido a un promotor que pretende levar a cabo unha macrourbanización en Perillo, nun terreo de 20.000 metros cadrados hoxe ocupado por zona verde. “O máis grave é que se está a presionar a Fomento para permitir unha saída directa á N-VI, o que beneficiaría claramente aos intereses privados desta promotora”, denuncian.

Desde o PSOE lembran que este mesmo promotor xa protagonizou en 2014 a tala de 330 árbores nun bosque da ría para a urbanización de O Paraíso, “eliminando o último pulmón verde da zona co beneplácito do Concello”, que —segundo indican— concentrou a cesión pública obrigatoria xusto no bordo da ría, onde non se pode construír por lei. “Foi un auténtico pelotazo urbanístico”, afirman.

Os socialistas conclúen denunciando que a política urbanística de Alternativa dos Veciños está expulsando aos veciños de sempre, en lugar de facilitar o acceso á vivenda, ao tempo que “se sobe o IBI un 10 % á cidadanía mentres se lles conceden rebaixas fiscais do 90 % aos promotores”.

⚙ Configurar cookies
0.076926946640015