O PSOE de Culleredo critica a actitude do PP de "bloqueo constante ao Concello"

ACoruñaXa
O goberno socialista comina ao PP de Culleredo a deixar de pensar de forma obsesiva nas eleccións de 2027 e dedicarse a traballar
PSOE-Culleredo
11 Out 2024

O grupo socialista de Culleredo reproba as acusacións veladas que lanza o PP de Culleredo para tentar tapar a súa actitude de bloqueo constante ao Concello.

"A sobreactuación do seu portavoz non vai tapar a realidade: o PP de Culleredo votou en contra do pago de facturas pendentes a provedores, o que demorou o trámite moitos meses. Agora, dentro desa estratexia de disfrazar o seu voto en contra, o PP solicitou un pleno extraordinario e fíxoo de forma incorrecta", explican.

Os servizos xurídicos municipais tiveron que notificarllo, facéndolles corrixir un procedemento tan sinxelo como a solicitude dun pleno. Por esta neglixencia, atrasouse a convocatoria, aínda que a sesión puido ser finalmente convocada para o xoves. Por unha incidencia na sede electrónica, algunha da documentación requirida aos técnicos municipais quedou pendente de estar ao dispor do pleno.

En aras a que a sesión se celebrase con absolutamente toda a documentación e con máxima transparencia, o alcalde, José Ramón Rioboo, trasladoulle a situación á portavoz popular, que aceptou sen pega algunha, entendendo o ocorrido, o aprazamento duns días do pleno e así dispoñer de todos os documentos.

O PSOE de Culleredo lamenta que horas despois o PP utilizara politicamente esta chamada nunha “falta de decoro que xa nin sorprende” vindo do seu portavoz.

"É lamentable que, nese contacto, a concelleira non manifestou negativa algunha ao cambio de data, pero en público ofrece unha versión totalmente distinta polo seu afán electoralista".

O goberno socialista comina ao PP de Culleredo a deixar de pensar de forma obsesiva nas eleccións de 2027 e dedicarse a traballar, aínda que sexa un pouco, polo interese xeral da cidadanía.

O pleno extraordinario celebrarase o vindeiro mércores, xa coa documentación completa. Se houbese algún interese en ocultar calquera aspecto, non se propoñería o aprazamento para engadir máis documentos, senón xustamente o contrario.

0.16483688354492