O PSOE de Arteixo reclama un Plan de Vivenda Municipal para garantir o acceso á vivenda
O grupo municipal socialista de Arteixo levará ao vindeiro pleno unha moción que denuncia os problemas de acceso á vivenda no concello e demanda a creación dun Plan de Vivenda Municipal. Este plan estaría destinado a fomentar a reforma, construción e aluguer de vivendas a prezo alcanzable.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que “nos últimos 13 anos de goberno do Partido Popular en Arteixo non se tomou ningunha medida para afrontar esta problemática”. Seco critica que o concello carece dun Plan Xeral de Ordenación Municipal actualizado, o que provocou un modelo urbanístico limitado. Ademais, destacou que máis do 22% do parque inmobiliario de Arteixo está baleiro, segundo datos do INE de 2021, mentres os prezos dos alugueiros superan os 600 euros mensuais, dificultando o acceso á vivenda para moitas familias e persoas novas.
Os socialistas propoñen un plan que atenda de forma prioritaria ás familias en exclusión social, vítimas de violencia de xénero, maiores, persoas con discapacidade e mocidade en busca da súa primeira vivenda. Para lograr isto, instan ao goberno local a realizar un estudo das necesidades reais de vivenda no municipio, crear un rexistro permanente de demandantes e negociar coa SAREB a cesión de inmobles desocupados para destinalos a alugueiro social.
Martín Seco lembra que “a vivenda é un dereito social, tal como recolle o artigo 47 da Constitución, e debe deixar de ser tratada como unha mercadoría”.