O PSOE de Arteixo reclama melloras urxentes en Meicende e Borroa

O Partido Socialista de Arteixo insta ao goberno local a actuar con urxencia para resolver os problemas urbanísticos en barrios como Meicende, O Petón, As Eiras, Borroa e Naia. O voceiro socialista, Martín Seco, subliña que a situación destes núcleos é inadmisible nun concello cun orzamento que cualifica como “privilexiado”.
O PSOE sinala que en Meicende é imprescindible mellorar a seguridade e as infraestruturas do barrio. Martín Seco destaca que, malia os proxectos de rehabilitación integral previstos, o goberno local debe priorizar actuacións inmediatas. Entre as medidas necesarias inclúense o acondicionamento das vías de comunicación, a accesibilidade e a iluminación, así como a limpeza e o mantemento das zonas verdes. Tamén se busca crear espazos públicos que fomenten a convivencia e reduzan as actividades delituosas que afectan o barrio.
En Borroa e Naia, os socialistas denuncian problemas persistentes nas infraestruturas. Seco destaca as frecuentes avarías na canalización de auga e o mal estado do pavimento na Avenida de Borroa. Segundo afirma, as reparacións constantes representan un gasto elevado para o concello, pero non ofrecen solucións definitivas. Para o PSOE, é fundamental renovar as canalizacións e mellorar a rede viaria para garantir a seguridade e a calidade de vida da veciñanza.
Neste sentido, o PSOE suxire unha serie de actuacións para mellorar as condicións de vida en Meicende, Borroa e Naia. Entre elas, destaca a construción de beirarrúas na Avenida de Nostián para garantir un traxecto seguro entre Air Liquide e a Travesía de Meicende. Ademais, considera imprescindible acondicionar a pista que conecta Naia e Nostián, priorizando a seguridade peonil. Outra das propostas inclúe anchear e asfaltar a Avenida de Borroa, implementando medidas que permitan unha circulación de vehículos máis segura e a velocidade reducida.
Por outra banda, o PSOE aposta pola eliminación das vivendas en ruínas no entorno do campo da chave, mediante a súa expropiación ou cesión, para resolver o chamado "tapón" nesta zona. Finalmente, destaca a necesidade de adecuar o camiño que conecta o campo da chave coa rúa Sobrado, habilitándoo para un uso exclusivamente peonil.