O PSOE de Arteixo reclama beirarrúas para garantir a seguridade peonil na nova vía entre Torrente Ballester e República Arxentina
O grupo municipal socialista de Arteixo solicitará no próximo pleno a construcción de beirarrúas na nova vía que conecta as rúas Torrente Ballester e República Arxentina, co obxectivo de garantir o tránsito seguro dos peóns nesta área.
O portavoz socialista, Martín Seco, lamentou que, máis de tres meses despois da finalización das obras, a veciñanza segue sen solucións para circular con seguridade. "A zona peonil resulta intransitable porque os vehículos aparcan sen control, obrigando a persoas con cadeiras de rodas ou carriños de bebé a desprazarse entre os coches estacionados", explicou.
Seco destacou que a falta de planificación á hora de abrir a nova vía está a xerar preocupación entre os veciños do barrio, que levan tempo demandando unha resposta efectiva. “Pedímoslle ao grupo de goberno que actúe para habilitar espazos que compatibilicen o aparcamento de vehículos cun tránsito peonil seguro”, concluíu o portavoz socialista.