O PSOE de Arteixo reclama á Xunta unha reforma urxente da Atención Primaria

ACoruñaXa
Os socialistas levan ao pleno unha moción na que denuncian a falta de profesionais, as longas esperas para conseguir cita e propoñen medidas para reforzar o sistema sanitario público
ARTEIXO equipo psoe
30 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no pleno correspondente ao mes de xullo unha moción na que insta ao Concello a solicitar á Xunta de Galicia un cambio de rumbo na xestión da Atención Primaria. A formación encabezada por Martín Seco considera que a situación da sanidade pública está a deteriorarse de maneira progresiva e denuncia que a veciñanza sofre diariamente as consecuencias da falta de recursos nos centros de saúde.

Segundo expón o PSOE, os pacientes atópanse con frecuencia coa imposibilidade de obter cita médica ou deben esperar entre dúas semanas e un mes para seren atendidos polo seu médico ou médica de familia. A formación atribúe esta situación á insuficiencia de profesionais e á precarización do sistema sanitario, asegurando que os centros funcionan ao límite da súa capacidade.

Na moción presentada, os socialistas tamén recollen diversos indicadores sobre a situación da sanidade en Galicia. Entre eles, sinalan que a comunidade figura entre as autonomías con menor número de médicos e persoal de enfermaría por habitante e lembran que menos do 90 % das prazas de pediatría están cubertas por especialistas.

Outro dos aspectos que destacan é a retribución dos médicos internos residentes (MIR). Segundo o grupo municipal, Galicia ofrece os salarios máis baixos para estes profesionais durante o primeiro ano de formación, unha circunstancia que, ao seu xuízo, dificulta a retención do talento e favorece que os novos facultativos opten por desenvolver a súa carreira noutras comunidades autónomas.

Os socialistas tamén sosteñen que desde 2009 deixaron de formarse 180 profesionais de Atención Primaria, unha carencia que, afirman, repercute na saturación dos centros de saúde e no incremento da presión asistencial nas urxencias hospitalarias da área da Coruña.

O voceiro socialista, Martín Seco, defendeu a necesidade de adoptar medidas estruturais para garantir unha asistencia sanitaria de calidade e advertiu de que os profesionais realizan un importante esforzo para manter o servizo, malia traballar, segundo indicou, cunha elevada carga asistencial.

A iniciativa presentada no pleno propón que o Concello reclame á Xunta a creación dunha Xerencia específica de Atención Primaria para a área sanitaria da Coruña, dotada de autonomía e recursos propios. Ademais, solicita equiparar nun prazo máximo de tres anos os salarios dos médicos residentes coa media estatal, reducir a temporalidade mediante contratos máis estables, reforzar os equipos dos centros de saúde e incorporar a atención á saúde mental na rede de Atención Primaria mediante consultas máis áxiles e directas.

0.14631795883179