O PSOE de Arteixo propón municipalizar o Servizo de Axuda a Domicilio
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no próximo pleno de setembro instando ao goberno local a asumir directamente a xestión do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD). O obxectivo desta proposta é garantir unha atención de calidade aos usuarios e poñer fin á inestabilidade laboral das traballadoras.
Os socialistas denuncian que, ao longo dos últimos anos, o SAD vén arrastrando problemas debido aos continuos cambios nas empresas contratadas para prestar este servizo. Segundo indican, esta situación repercute negativamente tanto nas condicións laborais das traballadoras como na calidade do servizo ofrecido aos usuarios.
O portavoz do PSOE en Arteixo, Martín Seco, subliña que as empregadas do SAD traballan en condicións precarias, cun convenio autonómico que non se adapta á realidade actual, falta de formación e contratos inestables. "Os salarios son baixos e os seus dereitos non se respectan", engade Seco, quen tamén destaca que "as empresas presentan ofertas nos concursos públicos que despois non son suficientes para garantir unha xestión adecuada, o que empeora as condicións laborais".
Ademais, Seco sinala que os usuarios tamén padecen as consecuencias desta precariedade, cun longo tempo de espera para acceder ao servizo básico de axuda a domicilio. A situación é aínda máis grave no caso dos usuarios dependentes, que chegan a agardar ata dous anos, o que, nalgúns casos, impide que poidan chegar a recibir a atención solicitada.
O PSOE considera que a municipalización do servizo a través da empresa pública SUMARTE permitiría mellorar a situación tanto para os usuarios como para as traballadoras, ofrecendo unha formación axeitada, reducindo os tempos de espera e aumentando a calidade do servizo prestado.
“É responsabilidade do concello solucionar esta problemática que se arrastra no tempo”, afirma o portavoz socialista, insistindo en que a municipalización sería un paso clave para asegurar unha atención digna aos veciños e veciñas de Arteixo, especialmente aos máis vulnerables.