O PSOE de Arteixo pide que o alcalde cumpra co Regulamento Orgánico do Concello
O grupo municipal socialista informa de que pedirá no vindeiro pleno que o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, como responsable de dirixir os debates plenarios, cumpra o establecido no Regulamento Orgánico do concello en canto ao tempo das quendas e a duración dos debates.
“O alcalde actúa como un emperador” afirma o concelleiro socialista, Martín Seco que denuncia que nos plenos o alcalde “non respecta as quendas de intervención nin cumpre os tempos establecidos no regulamento orgánico”.
Nesta liña, Seco tamén pide rebaixar o nivel de crispación das sesións ante “a cantidade de insultos e desconsideracións que recibe a oposición por parte do alcalde”.
O desenvolvemento e duración dos debates nas sesións plenarias está establecido no artigo 31 do Regulamento Orgánico de Arteixo que regulamenta as quendas e duración das intervencións, pero os socialistas denuncian que despois do sucedido no pleno do mes de abril de 2024 “é evidente que non se respectan as quendas de intervención polos continuos debates cruzados que interrompen a quen ten uso da palabra” e manifestan que o alcalde “non cumpre nin fai cumprir o establecido polo ROM”
Por outra banda, o grupo municipal socialista tamén solicita que se cumpra o establecido no regulamento orgánico do concello en canto a duración máxima dos plenos, que literalmente indica cinco horas como o tempo máximo.
Seco explica que no pleno ordinario de abril que comezou ás 9.30 da mañá, “solicitei ao alcalde e ao secretario do concello que a sesión non rematase máis aló das 14.30 da tarde, sen que esta solicitude fose escoitada e o pleno rematou máis tarde dese horario”
Os socialistas arteixáns sinalan que o incumprimento do regulamento resulta habitual nas sesións plenarias “polas múltiples e interminables intervencións do alcalde do noso concello.