O PSOE de Arteixo instan ao goberno local a construír unha nova residencia de maiores ante a falta de resposta da Xunta
O grupo municipal socialista de Arteixo demanda que o goberno local tome a iniciativa para construír unha nova residencia de maiores, despois de que o Partido Popular rexeitase no Parlamento de Galicia a emenda do PSdeG-PSOE aos orzamentos autonómicos para este proxecto. A proposta fora aprobada por unanimidade no pleno municipal anterior.
O portavoz socialista, Martín Seco, lamentou a falta de acción por parte da Xunta de Galicia, lembrando que a única residencia de maiores no municipio foi posible grazas á financiación da Fundación Amancio Ortega. Segundo explicou, “a Xunta limitouse a asumir a xestión do centro tras a súa construción”.
Os socialistas consideran que a actual residencia é insuficiente para cubrir a alta demanda de prazas no municipio. “Existen numerosas familias que se ven obrigadas a buscar alternativas en localidades afastadas ou en residencias privadas de custo elevado”, subliñou Seco, apuntando á existencia dunha longa lista de espera.
A negativa da Xunta a orzamentar unha nova residencia no ano 2025, segundo o portavoz, obriga ao concello a valorar a posibilidade de asumir o proxecto cos seus propios recursos. “Arteixo conta cun orzamento sólido que debería destinarse a mellorar a calidade de vida da veciñanza, e outras administracións locais xa teñen iniciado proxectos similares asumindo competencias autonómicas ante a inacción da Xunta”, engadiu.
Os socialistas instan ao goberno local a priorizar o benestar dos maiores no seu plan de servizos, iniciando os trámites para a construción dunha nova residencia se a Xunta non actúa.