O PSOE de Arteixo denuncia a pasividade do goberno local ante os ruídos

ACoruñaXa
Critican a falta dunha ordenanza de control de ruídos e a autorización de horarios excesivos a unha academia de baile
Imaxe de Arteixo
11 Jan 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo denunciou a falta de actuación do goberno local do Partido Popular ante as recomendacións da Valedora do Pobo para intensificar os controis e inspeccións sobre a transmisión de ruídos ás vivendas. A denuncia está motivada polas queixas veciñais derivadas das molestias causadas por unha academia de baile situada nun baixo da rúa Cidade de Bos Aires.

Segundo Martín Seco, portavoz do PSOE de Arteixo, a Valedora do Pobo instou o concello a redactar unha ordenanza de control de ruídos, adquirir os equipos necesarios para a súa medición e formar á Policía Local para facer cumprir a normativa. "O goberno local comprometeuse a actuar, pero segue sen cumprir coas súas obrigas", declarou Seco.

Os socialistas critican tamén que o concello autorizase á academia de baile un horario de apertura ata as dúas da mañá, equiparando a súa actividade á de establecementos de ocio e entretemento. "Non sabemos se outras academias do concello teñen horarios similares, pero resulta incomprensible que este tipo de decisións se tomen sen valorar o impacto nos veciños", engadiu Seco.

Desde o PSOE reclaman unha resposta clara do alcalde sobre as razóns para asimilar a actividade dunha academia de baile á de locais de ocio nocturno. Tamén piden medidas urxentes para garantir o benestar dos veciños e evitar que casos como este se repitan no futuro. "A falta de compromiso coas indicacións da Valedora evidencia unha deixadez preocupante na protección dos dereitos da veciñanza", concluíu Seco.

0.12070298194885