O PSOE de Arteixo critica o cambio de criterio do goberno local sobre os parques eólicos
O goberno do Partido Popular en Arteixo rexeitou a petición do grupo municipal socialista para levar a cabo as actuacións administrativas e xudiciais necesarias para evitar a construción do parque eólico de Langosteira tal e como está proxectado e publicado no DOG de outubro de 2024, desatendendo así as peticións da veciñanza de Suevos para a remodelación do proxecto, ao situarse os muíños a pouca distancia das vivendas.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, lamenta a posición do goberno local nesta ocasión, en contraste cos proxectos de liña de alta tensión que pretendía cruzar Loureda ou o Parque Eólico de Carboeiro. Ademais, recorda que "a súa instalación non sería posible se o PP tivera cumprido a súa promesa de 2014 de ter legalizado o núcleo do porto, ao incumprir as distancias esixidas por lei". Considera que "o concello debería situarse ao lado da veciñanza para actuar xudicialmente nos procesos de autorización que xurdan para paralizar a construción deste parque tal e como está proxectado pola súa proximidade ás vivendas".
Martín Seco explica que Inditex pretende instalar no porto exterior de Langosteira un parque eólico que estivo en información pública no Diario Oficial de Galicia dende o venres 25 de outubro, permitindo alegacións durante 30 días contra a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización de construción e o estudo de impacto ambiental das instalacións proxectadas.
O parque contará con tres aeroxeradores que sumarán unha potencia de 19,8 megavatios, abastecendo as factorías de Inditex en Sabón e o propio Porto Exterior. Cada un dos muíños terá unha altura de 170 metros.
A veciñanza do porto de Suevos presentou alegacións pedindo a remodelación do proxecto, porque aínda que se ubicará en terreos do Porto Exterior cualificados como solo industrial, algúns muíños estarán a pouca distancia das vivendas, advertindo dun gran impacto visual e de saúde.
"Onde queda aquilo de que o goberno de Arteixo sempre estaría en contra dos proxectos eólicos que afectaran á poboación?" conclúe Seco.