O PSdeG-PSOE defende en Culleredo os dereitos das persoas maiores

ACoruñaXa
A conmemoración do Día Internacional das Persoas de Idade reuniu a numerosos asistentes no Edificio de Servizos Públicos do Burgo
PSOE en Culleredo
4 Out 2024

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña organizou un acto de reivindicación dos dereitos das persoas maiores no Edificio de Servizos Públicos do Burgo, celebrado en conmemoración do Día Internacional das Persoas de Idade, que tivo lugar o pasado 1 de outubro. Este evento contou coa colaboración da concelleira socialista Penélope López, responsable da área de Servizos Sociais en Culleredo, e foi coordinado pola Secretaría de Maiores da Comisión Executiva Provincial, liderada por María José Cebreiro.

A acto, que atraiu a un numeroso público, foi introducido por López e Aitor Bouza, representante da Comisión Executiva Provincial, quen subliñou que os dereitos das persoas maiores son "unha cuestión fundamental para a nosa organización e para a nosa acción política". Bouza engadiu que estas xornadas son unha forma de agradecer a todas as persoas maiores que tanto contribuíron para que as xeracións máis novas poidan gozar das oportunidades actuais, á vez que se buscan propostas con vistas ao futuro.

O evento contou con intervencións de destacadas figuras como o psicólogo e sociólogo Santiago Porta Dovalo, a médica Carmen Acuña do Campo e o deportista Humberto Ramírez Fouz. Porta Dovalo compartiu a súa visión sobre a situación actual e os retos que enfrentan os servizos sociais dirixidos ás persoas maiores, enfatizando a importancia de adaptar os recursos a estas necesidades.

Carmen Acuña, que tamén é concelleira socialista en Oleiros e secretaria provincial de Sanidade, centrou a súa intervención nos desafíos que as persoas maiores deben afrontar no ámbito sanitario. A súa exposición resaltou a importancia de garantir unha atención médica adecuada e accesible para este colectivo.

Por último, Humberto Ramírez, ex-xogador do Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña e actual director deportivo do equipo, falou sobre a importancia do deporte para as persoas maiores, subliñando os beneficios físicos e psicolóxicos que a práctica deportiva pode aportar a esta faixa etaria.

O acto serviu para reforzar o compromiso do PSdeG-PSOE co benestar e a dignidade das persoas maiores, ao tempo que se busca visibilizar as súas necesidades e demandas na sociedade actual.

0.20685791969299