O PSdeG-PSOE de Arteixo demanda ao goberno local solucións urxentes para a rúa Félix Rodríguez de la Fuente
O PSdeG-PSOE de Arteixo reclamou ao goberno local a reparación inmediata do alumeado público na rúa Félix Rodríguez de la Fuente, en Pastoriza, onde os veciños levan máis dun mes sen iluminación nocturna. Segundo o portavoz socialista, Martín Seco, a situación é coñecida polo executivo local, pero aínda non se tomou ningunha medida.
Ademais da reparación do alumeado, os socialistas recollen as peticións dos veciños para mellorar o miniparque infantil da zona, cuxo solo, composto por morrillo e area, dificulta o acceso, especialmente para persoas con mobilidade reducida. Seco lembrou que recentemente unha persoa en cadeira de rodas quedou atascada debido a esta situación.
Os veciños tamén demandan a instalación de bancos nas rúas Félix Rodríguez de la Fuente e Jacques Cousteau, onde non existen desde as últimas reformas urbanas.
Por outra banda, o PSdeG-PSOE subliña a necesidade de instalar marquesiñas nas paradas de autobús, especialmente na Travesía de Pastoriza á altura do número 55, onde a falta de protección contra as inclemencias meteorolóxicas é un problema recorrente para os usuarios do transporte público.
Seco incidiu na importancia de atender estas demandas para mellorar a calidade de vida dos veciños e garantir que o espazo público sexa accesible e funcional para todos.