O PSdeG-PSOE da Coruña reclama ao Sergas reforzos inmediatos ante a saturación das Urxencias do CHUAC

ACoruñaXa
Os socialistas piden máis persoal, a apertura das camas hospitalarias necesarias e un reforzo da Atención Primaria para facer fronte ao incremento da demanda asistencial no verán
Imaxe do CHUAC
24 Jul 2026

O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña expresou a súa preocupación pola situación das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde, segundo denuncian, a elevada presión asistencial obrigou a habilitar ata catro corredores para atender pacientes mentres permanecen arredor de 130 camas hospitalarias inoperativas.

A formación considera que esta situación repercute tanto na calidade da atención sanitaria que recibe a cidadanía como nas condicións de traballo dos profesionais e atribúe este escenario a unha “falta de planificación da Xunta de Galicia”. Neste sentido, defende que o Sergas debería anticiparse aos incrementos de demanda propios do período estival mediante o reforzo dos recursos humanos e materiais.

Os socialistas sosteñen que a resposta do Sergas non pode limitarse a asegurar que a asistencia se presta con normalidade, senón que debe adoptar medidas para reducir a presión nas Urxencias e garantir unha atención adecuada aos pacientes. “A atención sanitaria non pode medirse unicamente polo número de persoas atendidas; tamén hai que valorar a calidade asistencial, a seguridade dos pacientes, a preservación da súa intimidade e as condicións nas que desenvolven o seu traballo os profesionais sanitarios”, sinalan.

O PSdeG-PSOE provincial reclama á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee e á Consellería de Sanidade que “activen de xeito inmediato” os recursos necesarios para afrontar os picos de demanda asistencial. Entre as medidas que consideran prioritarias figuran o reforzo dos equipos de Urxencias e hospitalización, unha cobertura axeitada das vacacións do persoal e a posta en funcionamento das camas hospitalarias que sexan precisas.

Así mesmo, advirten de que a apertura de camas debe ir acompañada do persoal necesario para atendelas. “Abrir camas sen profesionais é inútil, pero manter recursos pechados por non ter previsto os reforzos necesarios tamén evidencia unha falta de planificación que acaba repercutindo na asistencia”, afirman.

A formación tamén considera necesario reforzar a Atención Primaria e os dispositivos de atención continuada co obxectivo de reducir a presión asistencial nos hospitais mediante un sistema sanitario coordinado en todos os niveis.

Finalmente, os socialistas denuncian que “a Xunta de Galicia coñece desde hai anos os problemas estruturais que afectan ao CHUAC e dispón de información suficiente para anticiparse aos períodos de maior demanda asistencial. Os pacientes e profesionais non poden seguir pagando as consecuencias dunha xestión baseada en reaccionar tarde e con medios insuficientes”. Por este motivo, instan ao Sergas a deixar de normalizar estas situacións de saturación e a implantar unha planificación que garanta unha asistencia sanitaria pública de calidade durante todo o ano.

0.11842703819275