O PSdeG pon Miño como exemplo de boa xestión económica despois da bancarrota do PP no Concello

ACoruñaXa
O secretario xeral, Bernardo Fernández Piñeiro, asegurou que, cunha Xunta presidida por Besteiro, gobernarase da man do Estado e das administracións locais sen distinción de cores políticas e en beneficio da cidadanía
Bernardo Fernández Piñeiro durante o mitin de Miño do PSdeG
14 Feb 2024

O secretario xeral provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, puxo este martes en Miño como exemplo de boa xestión o traballo desenvolvido polo goberno socialista do Concello. Durante a súa intervención nun acto de campaña no auditorio do Centro Social da Rúa, no que estivo acompañado polo número 2 da candidatura, Julio Abalde, e o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, botou a vista atrás para poñer en valor o traballo do rexedor. “Despois de moitos anos de gobernos sucesivos do PP, Miño converteuse no Concello con máis débeda de Galicia, unha débeda que cuadriplicaba o seu orzamento. E dende que os veciños e as veciñas decidiron cambiar esa realidade e darlle a alcaldía a Faraldo, o Concello comeza a sanearse. Renegociou esa débeda e foi quen de mellorar infraestruturas e garantir mellores servizos públicos”, relatou.

“Iso é o que representa este partido, a garantía de progreso e de futuro incluso nas situacións máis adversas, como esta que levaban tempo padecendo en Miño polos anos de gobernos do PP”, afirmou Fernández Piñeiro, que comparou o bo facer do equipo de Vázquez Faraldo coa oportunidade que representa para Galicia un goberno socialista. “Iso é o que queremos facer na Xunta, cambiar de rumbo, porque temos un proxecto claro, un proxecto que só pode estar presidido por José Ramón Gómez Besteiro”, dixo.

O secretario xeral provincial chamou á mobilización para acadar o obxectivo de que a cidadanía poida beneficiarse das políticas socialistas, “das que temos exemplos de sobra”, e poñer en valor o que significaría que Galicia contase cunha Administración “aliñada co Estado, que non confrontase por cuestións de partido, simplemente que traballase da man esixindo o que lle pertence a Galicia e garantindo o mellor futuro para as galegas e os galegos”. “Iso só o pode representar Besteiro. Iso só o pode representar o PSdeG-PSOE”, asegurou.

Nesa idea insistiu Julio Abalde, exreitor daUDC. O domingo, dixo, decídese entre “un goberno esgotado”, o de Rueda, e “abrir portas e xanelas para que entre aire fresco na Xunta” con Besteiro. Propuxo o proxecto socialista coma o da ambición, o da Galicia moderna e innovadora “que nos merecemos as galegas e os galegos”, e remarcou a oportunidade que se abre nos vindeiros anos para investir os fondos que chegan de Europa nunha transformación económica e produtiva na que teñan protagonismo as enerxías verdes, a dixitalización e a tecnoloxía. Unha economía no que o peso da industria no PIB se incremente ata o 20 %, xerando emprego de maior calidade e mellor remunerado.

Abalde asegurou que unha Galicia presidida por Besteiro “mirará ao futuro, conectada con España e con Europa” e que se gobernará “con diálogo e colaboración” co resto de administracións.

O 18F elíxese entre o modelo “da especulación do PP ou o social do PSOE”

O alcalde de Miño referiuse tamén a esa relación de lealdade institucional, que precisan especialmente os concellos, como administracións máis pequenas. “Agora, a Xunta ten marxinados aos municipios onde non goberna o PP”, explicou Vázquez Faraldo, que detallou a falta de atención a infraestruturas e servizos dependentes da comunidade, como as sanitarias, os colexios, o transporte ou servizos sociais. “Fan caso omiso das peticións que trasladamos só porque somos un concello de outra cor política”, asegurou.

Aínda así, explicou que Miño está sendo capaz de xestionar o día a día sen o apoio da Administración galega, e faino con políticas radicalmente opostas ás dos populares. “O do PP foi o modelo da especulación, e Miño foi o expoñente do seu fracaso. Nós gobernamos pensando nas veciñas e nos veciños. Cando chegamos ao goberno local pagamos aos expropiados de Costa Miño, que levaban 16 anos sen cobrar, reforzamos as políticas sociais, fomos o primeiro Concello de Galicia en chegar a un acordo coa Sareb para ofrecer vivendas sociais, incrementamos as prazas da escola infantil, ampliamos o servizo de axuda a domicilio… E iso moitas veces asumindo competencias impropias que a Xunta só financia nun 50 %”, relatou o rexedor, que insistiu en que o día 18 se decide entre dous modelos dos que Miño é perfecto exemplo: “O da especulación do PP e o social do PSOE”.

0.18363404273987