O PSdeG pide ao alcalde de Curtis a creación dun servizo de Policía Local
A Agrupación Provincial Socialista da Coruña insta ao alcalde de Curtis, Javier Caínzos, a crear un servizo de Policía Local para reforzar a seguridade no municipio. A petición chega tras a aprobación unánime da corporación municipal para reclamar o mantemento do cuartel da Garda Civil, iniciativa que os socialistas apoian por considerala “lexítima e comprensible”.
“Comprendemos e compartimos a preocupación do alcalde pola seguridade en Curtis, pero tamén queremos lembrar que existen outros concellos da provincia da Coruña con menor poboación que dispoñen de Policía Local”, destacan desde o PSdeG provincial. Neste sentido, consideran que a seguridade debe ser unha responsabilidade conxunta entre administracións e que, en Curtis, a Policía Local podería asumir funcións de atención á veciñanza, xestión de tráfico e apoio en temas de seguridade.
Os socialistas insisten en que a creación deste servizo municipal contribuiría de forma notable á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Curtis, cubrindo un aspecto esencial na atención e prevención de problemas de seguridade no ámbito local.