O PSdeG lembra en San Amaro a Ramón Maseda, asasinado pola represión franquista

O PSdeG-PSOE lembrou no cemiterio de San Amaro, na Coruña, a Ramón Maseda, membro da agrupación socialista coruñesa asasinado en agosto de 1936 pola represión franquista. A homenaxe incluíu unha ofrenda de rosas vermellas na súa tumba e un minuto de silencio, nunha xornada na que o camposanto acolleu tamén a tradicional cerimonia municipal do Día de Todos os Santos.
No acto socialista participaron Obdulia Taboadela, candidata do PSdeG-PSOE pola provincia da Coruña, e Inés Rey, alcaldesa da cidade e secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa, xunto con membros da Executiva Local. Taboadela trasladou as súas condolencias ás vítimas do accidente ferroviario de Toledo e ás súas familias e amizades, antes de reivindicar a memoria das persoas represaliadas polo franquismo.
A candidata advertiu de que, nun contexto de retroceso democrático, é necesario lembrar a quen perdeu a vida por defender a liberdade. “Houbo moita xente que morreu polo simple feito de dicir democracia si, tiranía non”, afirmou, e apelou a manter viva a súa memoria e a defender con máis forza os valores democráticos.
Pola súa banda, Inés Rey presidiu a ofrenda institucional, dedicada este ano á mestra e pedagoga María Barbeito, ao poeta Manuel Curros Enríquez e ao fundador da Sala Calvet e do Deportivo, Federico Fernández Amor-Calvet. A alcaldesa pediu un minuto de silencio polas vítimas do accidente de Toledo e reivindicou San Amaro como un espazo de memoria colectiva, ligado á defensa das liberdades, á educación, á cultura galega e á identidade coruñesa. A cerimonia incluíu tamén ofrendas ante o Monumento aos Mortos pola Liberdade.