O PSdeG lamenta que o PP non apoie o incremento das pensións dos galegos
O secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, reivindicou o incremento das pensións, que beneficia directamente a 800.000 galegos. O socialista lembrou que este xoves comezaron a chegar ás casas dos pensionistas e das pensionistas de Galicia as cartas que se remiten para informarlles do incremento da súa pensión, que vai subir de media este ano en torno a 50 euros ao mes, uns 700 euros máis ao ano que no 2023.
O secretario xeral do PSdeG provincial criticou que este incremento non tería sido posible de ser polos deputados do PP de Galicia, que votaron en contra da medida o pasado 10 de xaneiro. “Tampouco sería posible de ser polo PP que as pensións se revaloricen en base ao IPC para evitar a perda de poder adquisitivo, porque tamén votaron en contra diso hai dous anos da man do BNG”, destacou o socialista.
Dende a agupación política aproveitan para revindicar de cara ás eleccións do 18 de febreiro que o mellor xeito de defender a Galicia é defender os intereses dos galegos e das galegas, promovendo medidas que incidan directamente na súa vida, garantindo o seu poder adquisitivo. “Queremos que os e as pensionistas poidan gozar de todas as comodidades posibles logo do seu traballo e sacrificio durante tantos anos”, recalcou Fernández Piñeiro.