O PSdeG esixe á Xunta garantir as compensacións aos mariscadores da Ría do Burgo

ACoruñaXa
O portavoz de Pesca, Julio Abalde sinala que lle corresponde ao Executivo galego poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o proceso de engorde logo de que o goberno de España asumira as obras de dragaxe e as axudas aos afectados
Imaxe da reunión do PSdeG coa Confraría de Pescadores da Ría de O Burgo
9 May 2024

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle este xoves 9 de maio á Xunta que asuma as súas competencias en materia de Pesca e garanta un Plan de axudas e compensacións aos mariscadores da ría do Burgo logo do remate das actuacións de rexeneración e ata que volva a súa produtividade. Abalde recolleu as peticións da Confraría de Pescadores da Ría de O Burgo nun encontro no que tamén participou a parlamentaria coruñesa Silvia Longueira.

O responsable socialista lembrou que o goberno galego conta coas competencias exclusivas en materia de marisqueo, polo que “debe comezar a darlle solución aos mariscadores e mariscadoras do Burgo, que reclaman compensación económicas xustas unha vez finalizada a dragaxe e ata que os bancos recuperen a súa produción”. Ademais reclamoulle ao Executivo autonómico que faga un seguimento da evolución da semente durante os próximos meses.

Ademais, sinalou que o goberno central asumiu o custe das obras de rexeneración, que ascenderon a 33 millóns de euros, e as axudas por inactividade, por unha contía 3,6 millóns de euros, e sinalou que agora é o momento de que o goberno galego poña a súa parte e axude aos mariscadores e mariscadoras durante os 18 a 24 meses que dura o proceso de recuperación efectiva dos bancos.

Abalde presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta estas compensacións e para urxirlle a que estableza un protocolo de seguimento e supervivencia da semente de bivalvos monitorizando a rexeneración dos bancos da ría do Burgo diferenciando as distintas zonas da ría para establecer as características óptimas de explotación.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17474699020386