O PSdeG desenvolverá un plan no sector das TIC que situará a Galicia á vangarda dixital

ACoruñaXa
O candidato ao Parlamento Julio Abalde, reuniuse na Cidade das TIC con representantes de empresas tecnolóxicas para analizar o proxecto do PSdeG no eido da innovación
O candidato do PSdeG ao Parlamento, Julio Abalde, no encontro sectorial TIC
15 Feb 2024

O número 2 da candidatura do PSdeG pola provincia da Coruña, Julio Abalde, reuniuse na Cidade das TIC con representantes do mundo empresarial para presentarlles o programa de goberno deo candidato á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, en materia de innovación e novas tecnoloxías. A xuntanza foi no marco dos encontros sectoriais que organiza o Clúster TIC Galicia. Durante ela, que tivo lugar onte no Centro de Servizos Avanzados (CSA), o tamén exreitor da Universidade da Coruña explicou que o proxecto socialista “presenta un enfoque integral para desenvolver o sector TIC de Galicia”, que xa conta cun peso do 3 % no PIB da comunidade.

Abalde asegurou que se trata dun campo fundamental para o proxecto de impulso económico e do emprego que quere pór en marcha o PSdeG dende a Xunta, e que se basea na transición enerxética e na transformación dixital. Por iso, cun goberno presidido por Besteiro, elaborarase “coa participación dos axentes implicados” o Plan Director do Sector TIC, “ata agora inexistente”, suliñou.

O plan socialista terá como obxetivo situar a Galicia á vangarda no desenvolvemento e utilización responsable e segura desas tecnoloxías, posto que a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) se atopa na comunidade. Ademais de que se incorpore ao tecido produtivo da intelixencia artificial, o big data, a robótica e a ciberseguridade, entre outros campos.

Julio Abalde detallou que o plan incluirá un conxunto de accións, entre elas, a creación e impulso de ecosistemas de innovación colaborativa e impulso das startups, o plan Galicia Digital Skills de formación e capacitación en tecnoloxías da información para empregados das empresas tecnolóxicas e traballadores en xeral, incentivos para a dixitalización das empresas, o plan InnovaTIC de I+D+i, a creación do Galicia Data Hub, a rede de centros de datos sectoriais, o fomento da colaboración público-privada e o financiamento e internacionalización das pymes do sector, así como un plan integral de ciberseguridade.

O candidato socialista destacou que este conxunto de accións poñen de manifesto “o compromiso de Besteiro co desenvolvemento sostible do sector TIC, a través do impulso á innovación, o emprego de calidade e a inclusión social, á vez que se asegura a competitividade das nosas empresas, a súa internacionalización no mercado global”.

0.18248605728149