O PSdeG denuncia que o Banco de Xermoplasma de Mabegondo segue sen equipamento despois de 10 anos de anuncios

ACoruñaXa
A socialista Lara Méndez critica a falta de compromiso da Xunta para dotar de medios as instalacións e acusa ao goberno galego de “facer brindes ao sol” con orzamentos sen executar
Imaxe de Lara Méndez
18 Out 2024

O Grupo Socialista de Galicia denunciou hoxe no Parlamento que o Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo continúa desocupado porque a Xunta non lle dota do equipamento necesario, a pesar de estar previsto dende hai unha década. A portavoz de Agricultura e Gandaría, Lara Méndez, criticou que, malia os reiterados anuncios, os módulos construídos seguen sen estar operativos por falta de medios técnicos.

Méndez lembrou que o proxecto foi anunciado no ano 2014 e, desde entón, só se finalizaron dous dos cinco módulos previstos, pero a equipación segue sen chegar. "Os tres módulos rematados están desocupados a pesar de contar con orzamento asignado", explicou, e lamentou que a Consellería do Medio Rural non executara as partidas previstas nos orzamentos de 2024. A socialista augurou que en 2025 "pasará o mesmo", calificando os orzamentos como "outro brinde ao sol do PP".

A parlamentaria criticou que o conselleiro do Medio Rural, vulnerando a normativa, viaxara a Mabegondo en xaneiro, en período preelectoral, para anunciar un equipamento que, case un ano despois, segue sen materializarse. Como resultado, o Banco de Xermoplasma continúa sen poder ser utilizado, evidenciando a "falta de interese" do goberno galego.

Méndez lamentou a falta de accións concretas do goberno autonómico en relación ao rural, afirmando que os seus proxectos quedan en "anuncios baleiros" e que mentres tanto "perdemos tempo e oportunidades para o campo galego". A socialista concluíu criticando a "opacidade e desleixo" da Xunta, xa que ao solicitar información sobre o estado do banco, a resposta remitida foi un enlace a unha pregunta parlamentaria que nin sequera se chegou a tratar.

0.16276907920837