O PSdeG de Oleiros solicita melloras na seguridade no final da Rúa Areal
O Grupo Municipal Socialista de Oleiros esixe ao Concello a mellora inmediata da seguridade no final da Rúa Areal, unha zona que carece de sinalización axeitada e que, segundo os socialistas, representa un risco para os viandantes, especialmente durante as horas nocturnas.
"A falta de sinalización na baixada á Ría é unha neglixencia que pode provocar accidentes, sobre todo para aquelas persoas que non coñezan ben a zona. Veciños da área trasladáronnos esta preocupación e reclamaron unha solución que estamos a apoiar", sinalaron desde o PSdeG.
En concreto, denuncian que no embarcadoiro da prolongación da Rúa Areal, entre a nova rotonda de Sol e Mar e a Ría, non hai ningún bolardo nin sinal vertical que indique o perigo de continuar pola calzada, o que podería levar a introducirse na Ría accidentalmente. "Con unha actuación mínima, como a instalación de sinalización ou a limitación do acceso, poderíase mellorar a seguridade de forma significativa", destacaron.
Os socialistas adiantaron que preguntarán por esta cuestión no próximo pleno municipal e lembraron que esta é unha zona frecuentada tanto por veciños como por visitantes que a utilizan como paseo, aumentando o risco de incidentes se non se toman medidas urxentes.