O PSdeG de Curtis celebra o avance do proxecto para mellorar os accesos da N-634 en Sesmonde

O PSdeG-PSOE de Curtis valorou positivamente a aprobación provisional, por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, do proxecto de trazado para a reordenación dos accesos da N-634 na travesía de Sesmonde, no concello de Vilasantar. A actuación, cun investimento previsto de 1.141.299,55 euros, pretende mellorar a seguridade viaria nun punto que leva anos xerando problemas de circulación.
O proxecto afecta ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 675,5 e 676,25 da N-634 e actuará sobre a intersección coa estrada AC-840, onde a configuración actual dificulta as incorporacións e os cruces, favorece velocidades elevadas e presenta tamén deficiencias no firme e na iluminación.
O portavoz socialista en Curtis, Fernando Rey, asegurou que este paso responde ao traballo desenvolvido polo seu grupo durante os últimos meses. “Foron moitas reunións, escritos e xestións para trasladar unha preocupación real da veciñanza e conseguir que esta actuación avanzase. Hoxe podemos dicir que ese traballo deu os seus froitos”, afirmou.
Rey incidiu en que esta mellora terá unha incidencia directa para numerosos usuarios da estrada, especialmente veciños e veciñas de Teixeiro, Curtis e doutros municipios da contorna que utilizan con frecuencia este acceso.
“Esta aprobación non chega por casualidade. É consecuencia de escoitar á veciñanza, trasladar as súas necesidades ás administracións competentes e facer un seguimento constante ata conseguir resultados concretos”, sinalou o portavoz socialista.
Entre as actuacións previstas figura a substitución da actual glorieta elíptica por outra de tipoloxía circular, co obxectivo de ordenar os movementos de tráfico, reducir a velocidade de circulación e mellorar a seguridade na intersección.
O proxecto tamén inclúe a construción dunha vía colectora para canalizar os accesos á estación de servizo e á rúa Ril, separando estes movementos da circulación principal da N-634. Ademais, habilitaranse novos carrís de entrada e saída da glorieta, renovarase a sinalización horizontal e vertical, repoñerase o alumeado público, instalaranse barreiras de formigón e rehabilitarase o firme.
Desde o PSdeG de Curtis consideran que esta actuación exemplifica a importancia de manter unha actividade política centrada na resolución das necesidades da cidadanía.
“Esta é a nosa maneira de traballar, con constancia, con propostas e con resultados. Seguiremos defendendo os intereses de todas as veciñas e veciños de Curtis ante todas as administracións”, concluíu Fernando Rey.