O PSdeG de Cambre crítica que o Goberno local pretenda aprobar un crédito extraxudicial en tempo récord

ACoruñaXa
O portavoz esixe que a rexedora reúna á Xunta de Voceiros, coa presenza da secretaria e a interventora municipais, para ofrecer explicacións detalladas sobre as propostas de resolución, o sentido dos informes preceptivos e as consecuencias da aprobación ou do rexeitamento do expediente
Imaxe da casa do Concello en Cambre
16 May 2024

O Grupo Municipal Socialista de Cambre lamenta o que considera “un novo capítulo do descontrol e desgoberno no que a actual alcaldesa, María Pan, ten sumido o Concello”, segundo manifestou o seu voceiro, Diego Alcantarilla. O goberno local convocou esta onte pola mañá unha Comisión de Informativa cunha antelación de menos de 24 horas para someter aos concelleiros que a integran, de forma urxente, un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe superior a dous millóns de euros. Trátase de facturas correspondentes a exercicios pasados, “pero aínda así o goberno local incumpre os prazos de convocatoria, tal como se recolle no informe desfavorable da Secretaría municipal a tal efecto”, explicou.

Por ese motivo, Alcantarilla esixiulle á alcaldesa que retire esa convocatoria e renuncie tamén a convocar o pleno extraordinario “que ten previsto para o vindeiro luns”, 20 de maio. Demandou, ademais, que reúna á Xunta de Voceiros co fin de explicar en detalle o contido do expediente, e que nese encontro estean presentes as habilitadas nacionais do Concello (secretaria e interventora). Ao tempo, solicitou que se ofrezan detalles sobre as propostas de resolución, o sentido dos informes preceptivos e as consecuencias da aprobación ou a non aprobación dese recoñecemento extraxudicial.

Para o portavoz socialista, é imprescindible que os grupos municipais conten, cando menos, co prazo legal establecido, é dicir, “co tempo suficiente para estudar a documentación dende un punto de vista técnico e xurídico antes de tomar a mellor decisión para o Concello, para as empresas que realizan con total boa fe os seus traballos para a Administración municipal e para garantir a prestación dos servizos públicos básicos”. Por iso, esixe que calquera paso se dea “con toda a seguridade xurídica”, ao fin de non correr o risco de que os acordos que se adoiten poidan ser impugnados, o que causaría aínda máis prexuízos ás empresas afectadas polos impagos.

A postura do Grupo Municipal Socialista vese reafirmada “polo desgoberno de Pan”. Lembra Diego Alcantarilla que no seu momento os socialistas se ofreceron a formar parte do equipo de goberno, asumindo a xestión da área de Contratación para evitar ese descontrol, “herdado da pasada xestión da actual rexedora, que antes dirixía precisamente as áreas afectadas por eses problemas”.

En caso de que a alcaldesa non cumpra as demandas formuladas polo Grupo Socialista e non se tramite o expediente conforme á legalidade, os seus representantes na comisión veranse na obriga de votar en contra da urxencia da convocatoria. Ao tempo que demandan o antedito cumprimento dos prazos contemplados na normativa, os socialistas critican que o goberno local cambrés “actúe por libre na interpretación das leis.

“En democracia, cando un non ten maioría absoluta está obrigado a chegar a acordos con todas as forzas políticas que tamén representan ás veciñas e aos veciños dun concello. Polo tanto, nun asunto de desta relevancia, importancia e trascendencia, o mínimo é convocar unha Xunta de Voceiros para explicarlles a situación aos grupos e que estes poidan formular as preguntas que consideren oportunas e tomar a mellor decisión”, concluíu o voceiro socialista.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.079535961151123