O PSdeG de Arteixo reclama ao Concello a instalación da cociña no CEIP San Xosé Obreiro
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo pide ao goberno local que cumpra coa promesa da instalación da cociña no CEIP San Xosé Obreiro de Meicende igual que xa fixo nooutros colexios do núcleo de Arteixo.
Os socialistas insisten en que a instalación dunha cociña é necesaria para a mellora da calidade do servizo de comedor do centro pero é “outra das promesas do alcalde que quedan en fume”.
O portavoz dos socialistas arteixáns, Martín Seco, explica que é preciso “poñer en valor o traballo altruísta que realizan as ANPAS do noso concello” debido ás dificultades que se atopan para xestionar os servizos que necesitan as familias do estudantado, “sobre todo cos servizos de comedor e madrugadores, nunha poboación traballadora que necesita de servizos de conciliación.”
Seco engade que “seguen sen entender” como o grupo de goberno non cambia o sistema de axudas a comedores establecido para evitar que “as ANPAS e sobre todo, as familias cunha capacidade económica limitada non teñan que adiantar os cartos para poder ter á rapazada nos comedores dos colexios que ofertan este servizo”.
O novo portavoz do grupo socialista, Martín Seco
O concelleiro socialista Martín Seco, ven de ser designado novo portavoz do grupo municipal socialista arteixán a proposta da anterior portavoz, Ana Cedeira. O nomeamento foi acordado por unanimidade do grupo municipal e co visto e prace da Comisión Executiva Municipal do PSOE de Arteixo.
Martín Seco é secretario xeral do PSOE de Arteixo e xa foi concelleiro e tamén portavoz do grupo municipal en Arteixo desde 2015. En 2020 renunciou á acta de concelleiro por "incompatibilidades” según os estatutos do seu partido ao saír elixido deputado pola provincia da Coruña nas eleccións ao Parlamento de Galicia dese ano. Reincorporouse ao grupo municipal no mes de marzo trala renuncia de Luis Vázquez.