O PSdeG de Arteixo piden melloras na seguridade viaria da AC-552
O grupo municipal socialista de Arteixo informa de que presentará unha moción no pleno de maio para que a corporación do concello inste á Xunta de Galicia a levar a cabo as actuacións necesarias na AC-552 que garantan a seguridade peonil da veciñanza no barrio de Candame e nas parroquias de Lañas e Larín.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que o PSdeG-PSOE de Arteixo “leva anos pedindo actuacións á Xunta de Galicia na estrada autonómica AC-55” para darlle seguridade peonil á veciñanza, “en especial aos rapaces e maiores que utilizan as paradas de buses” en lugares como Candame e parroquias como Lañas e Larín. Seco sinala que esas solicitudes foron realizadas con iniciativas no pleno do Concello e tamén no Parlamento de Galicia “sen moito éxito pese a ser un tema esencial para moita da nosa cidadanía.”
Os socialistas reclaman a instalación de “camiños seguros para os nosos maiores, para aqueles con problemas de mobilidade e a nosa rapazada” como unha prioridade para as administracións. “O goberno local debe esixirlle ao goberno galego que as faga realidade nunha estrada que é da súa titularidade” insiste Seco.
Os puntos que precisan atención están en Candame, onde según o voceiro socialista “a rapazada que utiliza o transporte escolar ten que camiñar varios centos de metros para chegar ata a parada de bus, afastada do núcleo residencial, pola marxe da estrada AC-552 que vai a Carballo”, unha vía pola que circulan diariamente miles de vehículos, con frecuencia a unha velocidade excesiva, sen beirarrúas nin pasos peonís.
“Aínda a que o noso grupo presentou no rexistro municipal unha proposta para mellorar a seguridade viaria coa construción dunha beirarrúa dende o núcleo urbano en dirección á Laracha, a dotación de novas marquesiñas a ambos lados da estrada e a creación dun paso peonil resaltado, seguimos esperando por ditas solucións”, explica Seco.
Tamén solicitan o remate das beirarrúas en Lañas ata o núcleo de Arteixo así como algunha medida para darlle seguridade ás entradas e saídas das vivendas situadas á marxe dereita en dirección a Laracha, e recordan que en Larín o propio goberno local prometeu una actuación na estrada en Casas Novas ante as queixas da veciñanza, “cuns cambios que ata saíron publicados nos medios de comunicación, pero posteriormente ao anuncio e a desmobilización da cidadanía nada fixeron” remata o portavoz socialista. .