O PSdeG de Arteixo pide unha infraestrutura para mascotas no municipio
O Grupo Socialista no Concello de Arteixo pediu no pleno de maio que o goberno local cumpra cos compromisos adquiridos coa veciñanza para a instalación dunha infraestrutura para as mascotas do concello, así como a realización de campañas de concienciación sobre a obrigatoriedade de limpar as defecacións das mascotas na rúa e a modificación da ordenanza para esixir a limpeza dos ouriños.
Os socialistas arteixáns reivindicaron tamén a posta en marcha dun plan para o control das colonias de pombas así como reforzar a limpeza das rúas nos puntos onde aniñan.
“Arteixo é un concello cun gran número de mascotas entre a súa veciñanza e dende o noso grupo sempre solicitamos que o grupo de goberno adaptase as nosas infraestruturas para darlles calidade de vida” afirma o voceiro socialista, Martín Seco, ao tempo que lembra a necesidade de actuar con firmeza ”para non ter as nosas rúas cheas da sucidade causada por algúns propietarios que non recollen as defecacións dos seus cans e tampouco limpan os ouriños”.
O edil socialista opina que o grupo de goberno “semella vivir de costas a esta realidade” e afirma que está a incumprir a súas promesas de levar a cabo unha infraestrutura para as mascotas do concello. Ademais insiste en que este goberno “tampouco actúa con firmeza para garantir a limpeza do viario e das fachadas e mobiliario local”.
Por outra banda, Seco indica que en Arteixo non se toman medidas para as colonias de pombas que “están a encher as nosas rúas e vehículos de porquería” cando outros concellos si realizan actuacións para o control e esterilización destas colonias.