O PSdeG de Arteixo denuncia o incumprimento da iniciativa para promover murais urbanos
O grupo municipal socialista de Arteixo denunciou no pleno de xuño que o goberno local siga sen cumprir o acordo para poñer en marcha un programa de murais urbanos semellante ao de moitos concellos galegos para poñer medianeiras dos edificios e outros espazos ao dispor dos artistas e loitar contra o feísmo.
O portavoz do grupo socialista de Arteixo, Martín Seco, recorda que no ano 2021 os socialistas presentaron unha iniciativa para loitar contra o feísmo no Concello mediante a arte urbana. A iniciativa pasaba por poñer en marcha “un plan de murais urbanos para mellorar as medianeiras dos edificios e apostar pola arte, tal e como fan moitos concellos galegos, como Lugo, Carballo ou Fene” sinala Seco.
O socialista indica que o plan tiña que constar dunhas “bases claras e específicas” para poder ter a disposición do concello os espazos cedidos polos seus propietarios e ofrecelos aos artistas que quixeran desenvolver a súa actividade.
“A iniciativa foi aprobada por unanimidade pero como é habitual neste grupo de goberno, segue sen executar” explica o concelleiro socialista ao tempo que sinala que “únicamente hai un mural no muro da nova piscina municipal de Meicende, que non responde a iniciativa aprobada”.
“A política de Calvelo baséase en duas cousas: non escoitar as demandas da oposición ou facer de cando en vez que as escoita para cubrir o expediente e despois deixalas nun caixón” remata Seco.