O PSdeG de Arteixo demanda infraestruturas deportivas en Oseiro

ACoruñaXa
Os socialistas consideran necesario o compromiso do goberno local coa parroquia arteixá en compensación da permuta das parcelas do campo de fútbol cunha empresa privada
Imaxe da proposta electoral do PSdeG no 2023
Imaxe da proposta electoral do PSdeG no 2023
19 abr 2024

O grupo municipal socialista de Arteixo informa de que presentará unha moción no pleno de abril para instar ao goberno local a desenvolver un plan especial de infraestruturas deportivas e construír unha zona deportiva cun campo de fútbol e outros espazos deportivos nas actuais parcelas dos campos de fútbol de Oseiro que permutará cunha empresa de loxística que realiza a súa actividade no municipio.

Os socialistas arteixáns explican que o concello ven de anunciar a permuta das parcelas no Polígono de Sabón que foron durante anos utilizadas como campos de fútbol pola Sociedade Deportiva de Oseiro, e recentemente polo Clube de Rugby Zalaeta, a cambio de tres fincas que usará como almacén de obras.

Neste sentido, Ana Cedeira, voceira do grupo socialista, sinala que “a veciñanza de Oseiro tiña neste lugar un espazo deportivo á súa disposición e pese as propostas que fixemos dende o PSdeG para poñer esas instalacións en valor e proxectar unha zona deportiva, o actual goberno local deixou que fosen caendo en desuso e abandono”.

Sinalan que trala cesión da Deputación de A Coruña ao concello do Polígono de Sabón, o grupo de goberno actual comezou a falar dunha posible venda ou permuta desas parcelas e recentemente confirmou a permuta cunha empresa que realiza a súa actividade no polígono de Sabón e aporta un número importante de empregos a veciñanza do concello.

“Dende o noso grupo entendemos que o mantemento da actividade desta empresa no noso municipio é positiva,” afirma Cedeira, ao tempo que indica que “só debería de facerse cun compromiso por parte de toda a corporación arteixá para compensar á veciñanza de Oseiro” co desenvolvemento dun plan especial para dotar dunha zona cun campo de fútbol e outros espazos deportivos tal como xa incluían no seu programa electoral nas municipais de 2023.